En Afundación, Obra Social ABANCA cumprimos 10 anos como axentes destacados na actividade cultural e social de Galicia. Como tales, entre as nosas tarefas, ao longo desta década, estivo a de ser depositarios e salvagardas dun dos Bens de Interese Cultural máis destacados da nosa comunidade, a Colección de arte, que mostramos a través de proxectos expositivos de moi variada temática e linguaxe.
Para conmemorar os 10 anos de xestión deste BIC, presentamos SIMULTÁNEA, un macro proxecto que implica a Colección como elemento dinamizador da cultura e a tradición galegas nas súas sete cidades. Todas as sedes de Afundación implícanse nesta experiencia «simultánea», unha exhibición sen precedentes en que gozar dunha boa parte das máis de 5.000 pezas que compoñen o catálogo visual e histórico que é a nosa Colección de arte.
Instalacións, fotografía, escultura, pintura… para relatar a nosa historia contemporánea baixo o prisma da arte galega desde o século XIX á actualidade.
Ademais, presentamos toda unha gama de actividades relacionadas, destacando o programa de escolares en que se combinan coñecementos de arte e historia, actividades de robótica e programación con axuda da IA (Aula STEAM) e liñas de contido asociadas á sostibilidade e a conservación.
A Colección de Arte Afundación posúe, entre os seus tesouros, unha ampla variedade de artistas que foron abríndose camiño na linguaxe abstracta. Artistas cunha vinculación a Galicia que nos dá a oportunidade de relatar como e de que xeito a arte galega se foi aproximando a unha das linguaxes máis anovadoras do século XX. Porén, a abstracción, que viu a luz fai xa máis de cen anos e que, tal e como sinala nos textos do catálogo o Barroquista, abriu as portas a insospeitadas formas de expresión, segue a espertar desconfianzas e reticencias. Enfrontarnos ás aprensións que xera o universo creativo da abstracción é un dos obxectivos deste programa educativo onde combinamos arte, programación e robótica, con creatividade e sostibilidade:
• Infantil a 4º Primaria | Visita-conto con obradoiro | Un ring para Yin e Yang (90 minutos.)
Dous artistas contrapostos, Yin e Yang, canda o seu alumnado, deben convivir, moi ao seu pesar, dentro da mesma sala de exposicións. Grazas a eles, exploramos a vida creativa da arte desde termos opostos, a liña ou a mancha, a orde ou o caos, as sensacións ou a realidade…
(*) Visita híbrida específica para 3º e 4º Primaria.
• 5º Primaria a 2º ESO | Visita guiada adaptada con obradoiro | Independent Art (2 horas.)
Que é a arte? Pódese independizar a arte da natureza? Por que din que esta forma de arte a pode pintar calquera? Coa axuda dunha intelixencia artificial trataremos de definir o universo da abstracción e aprender a revelar as súas características.
• 3º e 4º ESO, bacharelato e CF | Visita comentada con obradoiro opcional | Abstraccións e mensaxes cifradas na Colección de Arte Afundación (1 hora sen obradoiro. 2 horas con obradoiro)
A nosa sala de exposicións convértese nunha magnífica aula para comprender o contexto e as razóns polas que viu a luz unha das formas máis creativas da arte, a abstracción.