En Afundación, Obra Social ABANCA cumprimos 10 anos como axentes destacados na actividade cultural e social de Galicia. Como tales, entre as nosas tarefas, ao longo desta década, estivo a de ser depositarios e salvagardas dun dos Bens de Interese Cultural máis destacados da nosa comunidade, a Colección de arte, que mostramos a través de proxectos expositivos de moi variada temática e linguaxe.
Para conmemorar os 10 anos de xestión deste BIC, presentamos SIMULTÁNEA, un macro proxecto que implica a Colección como elemento dinamizador da cultura e a tradición galegas nas súas sete cidades. Todas as sedes de Afundación implícanse nesta experiencia «simultánea», unha exhibición sen precedentes en que gozar dunha boa parte das máis de 5.000 pezas que compoñen o catálogo visual e histórico que é a nosa Colección de arte.
Instalacións, fotografía, escultura, pintura… para relatar a nosa historia contemporánea baixo o prisma da arte galega desde o século XIX á actualidade.
Ademais, presentamos toda unha gama de actividades relacionadas, destacando o programa de escolares en que se combinan coñecementos de arte e historia, actividades de robótica e programación con axuda da IA (Aula STEAM) e liñas de contido asociadas á sostibilidade e a conservación.
Mil cincocentos quilómetros de costa, vinte e un cabos, centos de quilómetros de acantilados, incontables praias, portos… fan de Galicia un territorio único onde a terra remata e comeza o mar. O tema mariño é abordado por diferentes artistas da Colección de Arte Afundación desde múltiples puntos de vista reais e imaxinados. As mariñas, os portos, as embarcacións, os oficios, os faros, a esencia matriarcal da nosa comunidade, teñen cabida nesta mostra.
Desde a nosa área educativa poñemos en marcha as seguintes actividades para escolares coas que combinamos arte, programación e robótica, con creatividade e sostibilidade:
● Infantil a 4º Primaria (*) | Visita-conto con obradoiro | SOS Maruxaina (90 minutos.)
Visita-conto na que a serea Maruxaina vén trasladar a nenos e nenas as súas preocupacións polo océano. Resulta que fai anos, as nosas costas estaban limpas e cheas de xente traballando nas súas barcas, mais dun tempo a esta parte, os mares mudaron de cor… Que está a pasar? Entre todos e todas buscamos solucións!
(*) Visita híbrida específica para 3º e 4º Primaria.
● 5º Primaria a 2º ESO | Visita guiada adaptada con obradoiro | Portos, faros e acantilados… (2 horas.)
Por equipos, investigamos con perspicacia para coñecer máis sobre a vida do mar, cales son os oficios e como son as súas paisaxes. Sempre se dixo que o mar era cousa de homes, mais nós non estamos de acordo. Abrimos debate! Unha IA axudaranos a resolvelo.
● 3º e 4º ESO, bacharelato e CF | Visita comentada con obradoiro opcional | Simultánea. Escenas de costa e mar adentro na Colección de Arte Afundación (1 hora sen obradoiro. 2 horas con obradoiro)
A nosa sala de exposicións convértese na nosa aula, algún coñecemento de arte, moito contexto e historia, así coma os múltiples significados que hai detrás das representacións dos nosos mares reais e imaxinados.