En Afundación, Obra Social ABANCA cumprimos 10 anos como axentes destacados na actividade cultural e social de Galicia. Como tales, entre as nosas tarefas, ao longo desta década, estivo a de ser depositarios e salvagardas dun dos Bens de Interese Cultural máis destacados da nosa comunidade, a Colección de arte, que mostramos a través de proxectos expositivos de moi variada temática e linguaxe.
Para conmemorar os 10 anos de xestión deste BIC, presentamos SIMULTÁNEA, un macro proxecto que implica a Colección como elemento dinamizador da cultura e a tradición galegas nas súas sete cidades. Todas as sedes de Afundación implícanse nesta experiencia «simultánea», unha exhibición sen precedentes en que gozar dunha boa parte das máis de 5.000 pezas que compoñen o catálogo visual e histórico que é a nosa Colección de arte.
Instalacións, fotografía, escultura, pintura… para relatar a nosa historia contemporánea baixo o prisma da arte galega desde o século XIX á actualidade.
Ademais, presentamos toda unha gama de actividades relacionadas, destacando o programa de escolares en que se combinan coñecementos de arte e historia, actividades de robótica e programación con axuda da IA (Aula STEAM) e liñas de contido asociadas á sostibilidade e a conservación.
Desde as primeiras intervencións en covas ata as expresións artísticas contemporáneas, os obxectos foron fonte de inspiración, material simbólico e campo de exploración para as e os artistas.
O obxecto foi o protagonista historicamente do xénero Bodegón que estivo presente desde que a antiga cultura exipcia adobiaba as tumbas con pinturas de froitas, vexetais e outros produtos para alimentar a persoa falecida no alén, e fascinou as e os máis grandes pintores, especialmente desde o barroco temperá ata hoxe. Na actualidade converteuse nun xénero moi diverso, prezado e versátil.
A través da Colección de Arte Afundación gozamos dunha visión global que abrangue desde formulacións formais próximas ao impresionismo, ao cubismo ou ao hiperrealismo ata chegar ao conceptual, e que conforma un exemplo incomparable das múltiples expresións da plástica galega dese período.
O obxecto é a base do programa escolar orientado a todas as idades e onde combinamos arte, programación e robótica, con creatividade e sostibilidade:
● Infantil a 4º Primaria (*) | Co meu dedo creo un desexo (90 minutos.)
Na sala agárdanos unha nena que viviu fai miles de anos, unha nena artista que pintou o seu obxecto favorito na cova que habitaba. Sen sabelo, esta pequena é a orixe de toda a historia da arte. Con ela xogamos a atopar os obxectos máis prezados polas e polos artistas de sala e entre tod@s creamos un bodegón moi rebuldeiro.
(*) Visita híbrida específica para 3º e 4º Primaria
● 5º Primaria a 2º ESO. (*) | @s ready-mades de Galicia (2 horas.)
E se hai obras consideradas menores que se converten en auténticas e prezadas xoias? E se detrás dos obxectos e as aparencias hai algo máis? As e os artistas galegos dannos a oportunidade de coñecer moitos aspectos curiosos e relevantes da arte coma, por exemplo, o concepto ready-made. Para desentrañar todos os misterios que pesan sobre os obxectos, as e os escolares xogan en equipos de investigación e contan cunha IA.
● 3º e 4º ESO, bacharelato e CF | O obxecto contemporáneo e doméstico
(1 hora sen obradoiro. 2 horas con obradoiro)
A nosa sala de exposicións convértese na nosa aula, algún coñecemento de arte, moito contexto e historia, así coma os múltiples significados que hai detrás da representación dos obxectos.